Preto de 250 ciclistas inundaron hoxe a cidade de Mondoñedo na que arrancaba esta mañá a décimo segunda etapa da Volta Ciclista España 2018. Numerosas autoridades da provincia participaron tamén nesta xornada de ciclismo que remataría no Faro de Estaca de Bares (Mañón, A Coruña). Esta etapa contaba cun percorrido desigual de 181 quilómetros e atravesaba a zona norte da nosa provincia. En total, dez concellos mariñáns, ademáis da cidade mindoniense puideron gozar das pedaladas dos máis grandes ciclistas do mundo.
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, aproveitou esta xornada deportiva para visitar os diferentes stands que acompañan á Volta Ciclista, como por exemplo É para comer Lugo… unha iniciativa que puxo en marcha a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, coa que colabora o Goberno Provincial a través da edición da Guía Gastronómica da Provincia, que se distribúe en todas as etapas da Volta, Fitur, así como en oficinas especializadas.
Bicicleta Solidaria
O Presidente participou tamén na Bicicleta Solidaria desta edición, pedalexando a favor dos usuarios do Hospital San Pablo e San Lázaro de Mondoñedo. “Fai uns días recibín unha carta dos usuarios deste Centro dándonos as grazas pola colaboración que mantemos, e hoxe, son eu quen lles dá as grazas por deixarme subirme a esta bicicleta e poder ser partícipe deste pequeno xesto solidario”, subliñou Campos Conde.