A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ofrece varias alternativas en apoio da propietaria do inmoble de Sarria que se viu afectado por un incendio no día de onte.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou esta tarde o lugar do sinistro e reuniuse coa afectada, para poñer á súa disposición os servizos da administración autonómica e, neste mesmo encontro, comprometeuse a estudar as medidas que se poidan adoptar á vista da situación de inhabitabilidade en que quedara a vivenda.
Froito destas xestións, Balseiro comunicou hoxe mesmo que existen dúas posibles alternativas: en primeiro lugar, optar polo bono alugueiro social. Neste caso, a propietaria podería alugar calquera vivenda da súa elección e recibir unha axuda da Xunta de 175 euros ao mes durante 3 anos. Esta axuda tamén completa unha achega complementaria de 600 euros para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución da fianza, alta de subministracións e gastos de mudanza.
Como segunda proposta o IGVS ofrécelles unha vivenda de promoción pública nesta mesma localidade, que podería ser adxudicada nas próximas datas. Finalmente a Xunta tamén estudará a posibilidade de acceso a outras axudas, como as de rehabilitación edificatoria, toda vez que a propietaria amosou o seu interese en reconstruír as estruturas danadas.
Precisamente mañá mesmo técnicos da administración autonómica visitarán a vivenda co obxecto de valorar estes danos e concretar os apoios e distintas liñas de axuda ás que podería acollerse.
O delegado lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda -da que depende o IGVS- habilita recursos “para atender con dilixencia casos de emerxencia como o que sufriu esta veciña de Sarria”.