A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe o novo albergue de peregrinos no concello de Friol, acompañados do alcalde da localidade, José Ángel
Santos. Trátase dun proxecto realizado polo Goberno autonómico que supón unha mellora na capacidade de acollida do Camiño do Norte, o terceiro máis escollido polos peregrinos para chegar a Santiago de Compostela e que desde 2015 ostenta o título de Patrimonio Mundial da Unesco.
Co obxectivo de reforzar os servizos de atención aos peregrinos que realizan este itinerario xacobeo, o Goberno galego inaugurou recentemente esta infraestrutura, integrada nunha rede de 69 establecementos en toda a Comunidade. O albergue deu xa servizo a preto de 300 peregrinos, que pernoitaron nunhas instalacións acondicionadas para a súa estadía e prestación de servizos en espazos como salas de uso común, comedor, cociñas ou baños.
Localizado na Cabana, parroquia de Nodar, dispón de 29 prazas, tamén para peregrinos con mobilidade reducida, afondando así nos obxectivos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago que está a transformar a rede pública xestionada polo Xacobeo. Nesta liña, tamén o exterior do recinto dispón de ramplas de acceso ou varandas de protección. O de Friol é o noveno albergue do Camiño do Norte e o número 28 da provincia de Lugo nas súas diferentes rutas.
A especialización e calidade na atención ao peregrino son parte fundamental do Plan director do Camiño de Santiago que sigue o Goberno Galego, por ser un factor clave na peregrinación, tal e como manifesta o Estudo do impacto
socieconómico do Camiño de Santiago, que foi realizado pola Universidade de Santiago de Compostela por iniciativa de Turismo de Galicia. Entre outros aspectos, os camiñantes valoran a relación calidade prezo dos albergues públicos, especialmente aqueles perfís tradicionais que máis empregan esta tipoloxía. De feito, a cifra de queixas ou suxestións recibidas é moi reducida.