A portavoz de Lugonovo, Cristina Pérez, insta ao goberno a convocar esta mesma semana a Mesa da Residencia para que o executivo local ofreza explicacións oficiais sobre o estado de tramitación no que se atopa a licenza do proxecto presentado pola Xunta para revitalizar este barrio da capital.
“A anterior reunión que mantivemos data do pasado mes de xaneiro e dende aquela, ao único que asistimos foi a unha lea de acusacións cruzadas entre PSOE e PP que, lonxe da axilizar o procedemento, contribúen a certificar aquelo que xa auguramos hai case un ano: que ámbalas dúas forzas políticas empregarían este asunto, única e exclusivamente, como arma arroxadiza para o seu enfrontamento electoral na procura de réditos partidistas pero sen a verdadeira vontade de acometelo”, lamenta Cristina Pérez Herráiz.
A voceira do Grupo Municipal, que desempeña o cargo de Secretaria da Mesa, suxire emprazar ao resto de integrantes da mesma para os vindeiros días coa finalidade de aclarar, no encontro, tódalas dúbidas que xurdiron a finais de agosto sobre o percorrido administrativo que está tendo a devandita iniciativa.
“A última xuntaza rematou co acordo unánime de tódolos asistentes de poñer en coñecemento deste grupo de traballo a evolución que segue o proceso. Trala enésima liorta política que veñen de protagonizar, cremos que é necesario que se nos traslade con exactitude qué foi o que sucedeu, ónde se atopa esa documentación, qué termos recolle o convenio entre ámbolos dous organismos, e, sobre todo, qué pode agardar a cidadanía da materialización do Centro Integral de Saúde. Se só vai seguir sendo obxecto dunha permanente campaña propagandística por parte das dúas institucións ou se, nalgún momento, teñen pensado transcender da contenda verbal para poñerse, literalmente, mans á obra”, conclúe Pérez Herráiz.