O Concello da Pobra do Brollón poderá presumir dende hoxe de 8 quilómetros de firme renovado en 4 estradas diferentes das que transcorren por este municipio da Montaña Lucense. Así o anunciou o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, quen estivo supervisando o inicio destas obras de mellora e acondicionamento da rede viaria provincial ao seu paso pola Pobra do Brollón.
O Executivo Provincial inviste 370.000 euros entre as catro estradas. Son a LU-P-4702, que vai de Vilachá por Rozabales á Estación da Pobra do Brollón, na que se actuará 1,2 km; a LU-P- 4703, que vai da LU- 652 a Santalla de Rei a LU-653, o que supón un arranxo de 2,2 km; a LU-P-4707, que vai de Pobra do Brollón por Saa, a Veneira de Roques, onde actuarán en 1,8 km; e na LU-P-4710 da LU-P-4701 Salcedo á Estación da Pobra do Brollón (LU-933), na que mellorarán 2,6 km.
As actuacións, consistentes na limpeza de cunetas, rehabilitación do firme con aglomerado en quente e renovación da sinalización horizontal e vertical, comezaron na LU-P-4703. A continuación, os traballos continuarán na LU-P-4707, para seguir coa LU-P-4710, e finalizarán coa mellora da LU-P-4702. A previsión é que as obras nas catro vías de titularidade provincial estean rematadas a mediados do mes de outubro.