O Xulgado do Social de Lugo desestima a petición de UXT de paralizar os despedimentos de Sargadelos

O Xulgado do Social número 2 de Lugo ven de desestimar a adopción das medidas cautelares solicitadas por UXT na demanda de reclamación sobre Tutela de Dereitos Fundamentais contra a mercantil Sargadelos presentada o pasado 21 de agosto. O sindicato solicitaba a paralización dos despedimentos ou cesamentos dos traballadores anunciados polos codemandados o pasado 17 de agosto. “O documento, sen firma algunha, que se di redactado polo codemandado, o único que expresa é a vontade de prescindir de 49 empregados, o que así exposto non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical, e iso independentemente de que de facerse efectiva tal medida poida ser obxecto do correspondente procedemento”, argumenta o xuíz no auto.

O titular do Xulgado do Social tamén rexeitou a petición dunha orde de cesamento do “ataque directo ou indirecto” contra unha representante dos traballadores e a organización sindical UGT. “Esta pretensión exercítase de forma tan abstracta e xenérica que, de ditarse, podería implicar incluso unha vulneración do dereito á liberdade de expresión”, sinala o xuíz.

Sobre a demanda de paralización da recollida de firmas de persoal da empresa contra o sindicato supostamente promovida desde a dirección de Sargadelos, indica que o escrito presentado ante o xulgado reflicte “sen máis” a intención dos empregados de “revogar da súa representación a aquí codemandante”, o que é “obvio que non pode ser impedido a través dunha medida cautelar, sen prexuízo de que de levarse a cabo finalmente a revogación poida ser anulada pola falta de requisitos contemplados na lei”.

O auto tamén se pronuncia respecto da solicitude da demandante de deixar sen efecto a comunicación remitida á traballadora o 21 de agosto de 2018 pola que se lle concede un permiso retribuído. “Ningunha razón tería adoptar esta medida cautelar unha vez concedido o permiso, sen que, en todo caso, conste oposición ao mesmo por parte da traballadora, así como que na súa adopción ningunha urxencia existe para asegurar a efectividade da sentenza que no seu día se dite”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com