A Xunta de Goberno aprobou hoxe licitar o proxecto para a colocación dunha glorieta no cruce entre as rúas Manuel María, Santo Grial e Mar Cantábrico, no barrio da Piringalla, que contribuirá a mellorar a seguridade de peóns e conductores, así como a fluidez do tráfico. O proxecto conta cun orzamento próximo aos 129.000€ e un prazo de execución de catro meses.
Así o deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, que aproveitou a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno para facer balance das obras en marcha ou adxudicadas dende a entrada en vigor dos Orzamentos hai catro meses. Estas actuacións suman 1,6M€ e entre elas están infraestruturas que supoñerán unha gran mellora da mobilidade, como a instalación dun ascensor público en Fontiñas ou a creación de 566 novas prazas de estacionamento entre os aparcamentos disuasorios e o párking do HULA.
Ademais dos proxectos en marcha ou adxudicados, que demostran “unha intensa actividade” do Concello, segundo subliñou Fernández, a día de hoxe están en proceso de licitación obras por valor de máis de 800.000€.
Por outra banda, o voceiro municipal tamén informou de que hoxe foron aprobadas por Xunta e Concello as bases de selección do persoal para a posta en marcha do novo obradoiro de emprego Fórum 4.0, que onte mesmo aprobaba a Xunta, concedido á entidade local pola administración autonómica.
A oferta pública de emprego e a selección faráa de feito a Xunta entre esta semana e a seguinte.