Lugonovo preguntará ao goberno local para cándo conta poñer en marcha un rexistro telématico que facilite á poboación a tramitación municipal. “O feito de non ter que desprazarse ás dependencias do Concello para cursar calquera solicitude ou instancia propicia a universalización dos recursos públicos. E, pola contra, a súa ausencia está a supoñer un considerable atranco para que as prestacións e os servizos estean, verdadeiramente, ao alcance de toda a cidadanía”, sinala Cristina Pérez Herráiz.
A portavoz do Grupo Municipal pon como exemplo o imperativo de ter que acudir presencialmente, e só de nove da mañá a unha do mediodía, aos centros de convivencia da cidade para inscribirse nas actividades socioculturais que o executivo vén de presentar.
“Non todo o mundo pode saír do traballo cando quere para resolver asuntos particulares; e que non estean habilitados outros mecanismos para efectivizar a matrícula mingua drasticamente as opcións de participación desas persoas”, advirte. Pérez Herráiz tacha de “inaceptable” as eivas en materia de alfabetización dixital que arrastra a administración local, logo de levar investidos máis de catro millóns de euros ao respecto durante a última década.
“Todos puidemos comprobar en anteriores exercicios cales foron as consecuencias que isto tivo para a conformación de facturas, especialmente as da subministración eléctrica, con efectos colaterais incluso sobre o período medio de pago a proveedores. En moitos dos departamentos municipais a xestión áxil e eficaz semella unha quimera precisamente polas carencias que padecen en materia de modernización electrónica, incumprindo o que, asemade, é un imperativo legal”, refire a voceira.
Grandes urbes como Madrid pero tamén outras máis pequenas como Boadilla del Monte, Valladolid ou Tudela son algúns dos referentes aos que apunta a formación, onde a tramitación en liña é, dende hai moito tempo, un procedemento cotián. “A petición de licenzas, bonificacións e mesmo o acceso á documentación do arquivo a través do portal web está a orde do día, mentres que no Concello de Lugo continúa, inexplicablemente, a anos luz de volverse unha realidade”, conclúe Cristina Pérez.