O Concello denuncia que a Xunta anulou os trámites para dotar de servizos non sanitarios o Xeral

O Concello de Lugo vén de denunciar esta mesma mañá en rolda de prensa a anulación por parte da Xunta dos acordos que adoptara previamente para a retrocesión ao Estado do Vello Xeral, algo que resulta imprescindible para ampliar o complexo a usos non sanitarios como a residencia da terceira idade ou a comisaría no marco do Plan Integral que presentou o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, hai máis dun ano

Así o deron a coñecer a alcaldesa de Lugo acompañada polo voceiro municipal e o edil de urbanismo, Miguel Fernández e Daniel Piñeiro. A rexedora asegurou que esixirá explicacións á Xunta sobre esta anulación aprobada o pasado 31 de maio, “curiosamente, o mesmo día que se iniciou a Moción de Censura” ao expresidente do Goberno, Mariano Rajoy.

O Consello da Xunta aprobou nesa data deixar sen efecto os dous acordos que adoptara previamente para a retrocesión ao Estado de dous edifcios do Vello Xeral, imprescindibles para ampliar os usos do complexo. Sen este paso, o Goberno galego non poderá construír alí a oficina de emprego, a planta de biomasa e o centro de emprendemento aeronáutico, nin tampouco a comisaría de Policía.

“Trátase dunha mala noticia, que pon de manifesto como mínimo unha falta de dilixencia e interese por parte da Xunta do PP por acometer o proxecto tal e como nolo presentaron hai un ano e tres meses”, denunciou a rexedora que informou esta mañá das decisións do Goberno galego á oposición e esta tarde aos veciños do barrio da Residencia.

O Concello tivo coñecemento desta situación polo interese da Subdelegada de Goberno, Isabel Rodríguez, pola evolución do proxecto do barrio da Residencia á súa chegada ao posto.

Cronoloxía das decisións da Xunta

O 19 de xullo do pasado ano, e coincidindo coa presentación pública do Plan Integral denominado A nova Residencia, o Presidente da Xunta e a que era Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, firmaron un protocolo polo cal a Xunta debía tramitar un expediente de retrocesión patrimonial a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social. O seguinte paso, e a pesares de que o protocolo establece un prazo dun mes para este trámite, deuno a Xunta o 25 de xaneiro deste mesmo ano, seis meses despois ao aprobar no Consello da Xunta a autorización da retrocesión do Pavillón xeral.

“Mentes o PP esixe ao Concello celeridade no convenio de colaboración e nas licenzas, a Xunta tardou máis de medio ano en dar o primeiro paso para materializar un protocolo que eles mesmos asinaron e que xa chegaba 7 anos tarde”, explicou a rexedora.

Foi o 8 de marzo cando o Consello da Xunta acorda autorizar outra parte desta retrocesión, a do edificio da Escola de Enfermería. Tras estes avances, é o 31 de maio deste mesmo ano, e no debate no Congreso sobre a moción de censura de Mariano Rajoy, cando a Xunta acorda deixar sen efecto os dous acordos de retrocesión anteriores, segundo explicou o Concello.

Ante estas decisións, a rexedora retou ao Goberno autonómico a que “explique aos veciños da Residencia e a todos os lucenses  que está pasando con este proxecto. Négome a crer que o seu desprezo a Lugo poida chegar a semellante extremo”, concluíu a alcaldesa.

A oposición tamén opina

A estes feitos reaccionaron tamén algúns dos grupos da oposición quen, como Lugonovo, tacharon de “sabotaxe institucional” que a Xunta cancelara a retrocesión dos usos do complexo do antigo Hospital Xeral. A voceira da agrupación, Cristina Pérez, denunciou que a determinación do goberno autonómico de cancelar estes acordos “manda ao traste os plans previstos para revitalizar o barrio da Residencia”.

Tamén Rubén Arroxo se manifestou neste senso, pero foi máis alá. O voceiro nacionalista cualificou este conflito entre Xunta e Concello de “agasallo envelenado para o vindeiro candidato do PP en Lugo”; e lamentou que “teñan que ser os veciños de Lugo quen sufran os efectos das liortas internas do PP”. O voceiro do BNG lembrou tamén como a negativa de Feijóo a abrir o Servizo de Hemodinámica supuxo un duro castigo para o anterior candidato do PP de Lugo, Jaime Castiñeira, que non acadou a alcaldía no ano 2015.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com