Lugo Monumental amosou esta mañá a súa preocupación ante o atraso, por parte do Goberno local, da contratación da iluminación do Nadal para a cidade. A recente presentación por parte do alcalde de Vigo das formas e motivos que terá a luminaria contratada, puxo en alerta a Lugo Monumental quen entende que “non se pode deixar esta tema para moito máis tarde” xa que lembra “as consecuencias” que tivo este atraso outros anos.
“Mentres outras cidades como Vigo anuncian extraordinarias campañas de iluminación do Nadal, o Concello de Lugo nin sequera publicou a licitación do contrato das destas festas”, explica a asociación nun comunicado. Segundo aseguran dende Lugo Monumental, o ano pasado houbo múltiples queixas pola deficiente iluminación do Nadal, “algo que repercutiu no nivel de vendas do comercio do centro histórico”, e en anos anteriores incluso se produciron atrasos inaceptables no aceso dos arcos que este ano parece que se poden repetir.
A asociación mostra a súa preocupación por este asunto, xa que a iluminación das rúas do centro histórico durante as datas do Nadal é fundamental para crear un ambiente festivo. “De feito xa o 15 de xaneiro, xusto ao terminar a campaña do ano anterior, solicitouse unha reunión para tratar este asunto en que se solicitaba información para saber se se permite aos empresarios decorar as súas fachadas ou isto impídese por algunha normativa (como o PEPRI ou similar)”.
A día de hoxe, oito meses máis tardes, non se recibiu resposta, e é necesario coñecer con antelación esas cuestións para realizar os investimentos oportunos. Naquela solicitude dicíase que “para buscar unha solución para a campaña de 2018, e agora que hai moito tempo polo medio, queremos tender a man ao Concello para estudar as accións de promoción do centro histórico”.
Falábase de puntos concretos a tratar como a análise da normativa (pedíase con tempo, para poder modificala no seu caso) e o estudo de formas de colaboración tanto económica como organizativa. Lugo Monumental pretende que os propios empresarios poidan colaborar coa zona tanto nas súas propias instalacións como nas súas rúas, de forma que se aúnen esforzos aínda que quizá as datas xa non permitan alcanzar este desexable obxectivo.