Guitiriz transforma dúas escolas municipais en vivendas sociais

O Concello de Guitiriz converteu as antigas escolas municipais de Becín e Campoverde en vivendas sociais con axuda do Goberno da Deputación. Así o informaron o Presidente, Darío Campos, e a Alcaldesa, Regina Polín, nunha visita a estas instalacións públicas e sociais, na que tamén participou o voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos.

Deputación e Concello arranxaron o edificio da antiga escola de Becín, que tamén dotaron de equipamento e mobiliario. Na planta baixa, hai un local social, no que se desenvolven actividades veciñais. Na alta, habilitouse unha vivenda, na que xa vive unha familia (unha parella cun neno). Atopábase en situación de desemprego e hoxe contempla oportunidades laborais.

A antiga escola de Campoverde rehabilitouse na súa totalidade, transformándoa nunha vivenda. O Concello púxoa a disposición de refuxiados. No caso de non ser empregada para  este fin, a Alcaldesa explicou que tamén se porá a disposición de persoas con dificultades. De feito, xa se interesou pola mesma unha familia que traballa nunha explotación gandeira e busca un lugar onde vivir preto do seu traballo, pois desprázase todos os días a Guitiriz.

Regina Polín explicou que “a recuperación das antigas escolas municipais de Becín e Campoverde é un dos compromisos que adquirín cos veciños, pois son edificios do Concello, é dicir, de todos os veciños, que estaban sen uso. Quería poñelos en valor, darlles un uso social que beneficiase ao conxunto dos meus veciños. Por iso, decidín arranxalos e pedir axuda para elo aos meus compañeiros na Deputación, que así o fixeron. Xuntos arranxamos estes inmobles, dándolles un uso público e social. Nestes inmobles, ademais de facilitar un lugar onde todos os colectivos veciñais desenvolvan actividades ou mesmo reunirse, poden vivir familias. Con isto, queremos dar facilidades para iniciar ou retomar a vida laboral en Guitiriz, contribuíndo deste xeito a fixar poboación no noso Concello, un dos poucos da provincia de máis de 5.000 habitantes, onde ofrecemos servizos públicos municipais como o de gardería, os almorzos saudables (onde levar aos cativos antes do horario escolar), a escola de música, as actividades deportivas ou culturais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com