A Consellería de Sanidade e o Concello Lugo asinarán, segundo as previsións, o vindeiro venres, 21 de setembro, o convenio de colaboración entre a que servirá para coordinar o desenvolvemento do proxecto do primeiro Centro Integral de Saúde, que terá sede no barrio lucense da Residencia.
Trátase dun novo paso adiante para facer fronte a este proxecto que busca recuperar e remodelar as instalacións do antigo hospital Xeral. De feito, o centro integral concentrará nun mesmo edificio todos os servizos dunha sanidade pública de primeiro nivel: o servizo de saúde mental, a base do 061, o punto de atención continuada, un moderno centro de saúde, e os novos servizos de fisioterapia, odontoloxía e xinecoloxía.
A sinatura do convenio corresponde ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Alumíña, e á alcaldesa de Lugo, nun acto no que tamén está prevista a presenza do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso de manter os proxectos en marcha para o barrio da Residencia en Lugo, e avanza que non hai ningún cambio respecto dos futuros servizos que a administración autonómica impulsará nesta zona da cidade. Ademais do futuro centro integral de saúde, o barrio acollerá a futura oficina de emprego e formación, a residencia para persoas maiores, un centro de emprendemento aeronáutico e un servizo común de climatización por biomasa, aos que se sumaría a futura comisaría de manterse o compromiso que ao respecto tiña asumido o anterior Goberno central.