A Comisión de Seguridade Vial do Congreso aprobou este mediodía por unanimidade a proposición non de lei de En Marea para a reforma da N-642 ao seu paso pola Mariña, iniciando canto antes o proxecto de rehabilitación licitado entre Barreiros e Cervo, pero ampliando a súa mellora ata Ribadeo e abordando tamén os cruces con mala visibilidade situados na parroquia de Vilaronte en Foz.
A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, aceptou incorporar unha emenda do grupo popular que non mudaba as peticións orixinais. Lamentou Fernández que o grupo socialista “dea pasos atrás” presentando emendas rebaixadas que non asumen compromisos concretos. Destacou que tanto PP como PSOE habitúan a mudar as súas posicións cando asumen o exercicio do goberno, “e ao final é En Marea quen mantén a coherencia das demandas que veñen de Galicia”.
Na súa intervención perante a Comisión, Fernández expuxo a problemática en materia de seguridade vial que envolve á N-642, na mesma liña que sucede con outras estradas de titularidade estatal que atravesan A Mariña, comarca con un enorme défice en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias.
“Nesta ocasión traemos a debate as deficiencias da N-642 coñecida como a estrada da costa. Un vial moi usado sobre todo no verán e pola que transita un grande volumen de tráfico, tamén vehículos pesados”. Salientou que a N-642 adoece das mesmas deficiencias doutras como a N-634 ou a N-640. “Presenta un importante deterioro ao longo do seu percorrido, debido ao descuido, á falla de investimentos e ao uso constante. Ten tramos desastrosos en municipios como Foz, Ribadeo ou Cervo. Conducir por esta área implica enfrontarse a constantes intentos por sortear baches, socavóns, ou grietas, cos conseguintes perigos para a seguridade”.
Alexandra Fernández mencionou puntos conflitivos como Fazouro, Mañente (Foz), Daián en Cervo ou desde Ribadeo a Porto no límite con Vegadeo. “O seu mal estado foi obxecto de reivindicacións constantes por parte dos veciños e veciñas da zona”. Incluso sinalou que o tramo entre Mañente e o cruce da Corredoira en Foz, é coñecido como “o tramo maldito” porque nun traxecto dun quilómetro sucédense numerosos accidentes.
A deputada de En Marea explicou asemade outra das peticións que “facemos na nosa proposición que é a mellora do cruce que sirve de enlace entre a parroquia de Vilaronte en Foz e a N-642 no bairro das Areosas, e a mellora da sinalización do cruce tamén en Vilaronte pero á altura do bairro de Espiñeira”. Destacou a mala visibilidade que ocasiona múltiples sinistros.
A parlamentar de En Marea puxo de manifesto que Fomento nunha resposta ao grupo en febreiro, remitíase a unhas obras feitas entre 2015 e 2016 de reparación do firme na variante de Foz. “Unhas obras insuficientes como se ten demostrado e que só eran remendos”. Aludiu á licitación do Ministerio de Fomento do pasado 8 de xaneiro para a rehabilitación do firme na N-642 entre Barreiros e San Cibrao, “actuación aínda pendente a pesar de que se anunciaron as obras para maio, logo para xuño, e finalmente para setembro”. “Estamos en setembro pero tan so se fixo en pleno agosto, cando más se incrementa o tráfico, unha obra cativa cualificada de urxente pero non se efectivizou aínda o proxecto”.