O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe a aprobación do novo PXOM de Foz, que contribuirá a impulsar o crecemento racional e sustentable dos servizos da Mariña lucense. Durante o acto de sinatura, Feijóo aseverou que coa aprobación desta nova normativa urbanística, o concello dispón xa das pautas sobre as que se escribirá o seu futuro. Non en van, o novo plan de ordenación blinda o crecemento urbanístico controlado e fixa unha capacidade residencial de 4841 vivendas.
Así mesmo, establece un modelo de ordenación baseado nos seguintes eixos: na vila como núcleo urbano principal, ao que se lle incorporou o núcleo de Marzán, de orixe rural pero incorporado á trama urbana; os núcleos de Cangas, Fazouro, Nois, Forxán e Vilaronte establécense como núcleos urbanos secundarios; os núcleos tradicionais de base rural, onde o plan busca garantir a súa supervivencia e favorece as políticas de rehabilitación, de mellora dos espazos públicos e de desenvolvemento sustentable e harmónico; o sistema de comunicacións ferroviarias e por estrada; o porto como elemento importante da actividade pesqueira e náutico-recreativa; e o parque empresarial de Fazouro, ao que o PXOM amplía a extensión.
Se en 2009 o Goberno galego marcou como obxectivo que non quedase ningún concello sen un plan de ordenación, Feijóo resaltou que, a día de hoxe, coa aprobación do de Foz, xa son 96 os municipios cun PXOM actualizado; “case o triplo”, aseverou, recordando que nese ano había 33 concellos co plan actualizado.
Neste mesma liña, subliñou que Foz deixa de ser un dos 168 concellos de Galicia que están suxeitos a normas subsidiarias municipais ou a PXOM non adaptados á nova Lei do solo, nos cales o Plan Básico Autonómico permitirá corrixir as indeterminacións ou as lagoas que existan.
Ao longo dos vindeiros meses, tamén poderán dispoñer dunha ordenación urbana os 37 concellos de menos de 5000 habitantes e sen planeamento. Estes municipios beneficiaranse dos futuros plans básicos municipais, redactados sobre a radiografía territorial que realiza o Plan básico autonómico, e que permitirán que os concellos máis pequenos de Galicia teñan as mesmas oportunidades ca os grandes para acceder aos beneficios do planeamento.