Ace-Eu pedirá que se aplique a perspectiva de xénero no urbanismo da cidade

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU) levará ao vindeiro Pleno unha proposición con medidas para aplicar a perspectiva de xénero no urbanismo e mobilidade. Tralas conclusións de múltiples e recentes estudos de xénero en materia urbana, pódese afirmar que as mulleres utilizan moito máis os espazos colectivos da cidade que os homes.

Son as principais usuarias do transporte público, utilizan moito máis todos os equipamentos de saúde, educativos, deportivos e comerciais -como usuarias directas ou en tarefas de apoio e acompañamento familiar-, e se aprecia un menor apego que nos homes ao uso do automóbil para acudir ao seu centro de traballo. Sen embargo, o deseño urbanístico e a implementación de servizos públicos como o transporte ignora a discriminación estrutural de xénero e as necesidades concretas das mulleres que desta se derivan.

Por iso, ACE-EU pedirá no Pleno que se solicite, obrigatoria e oficialmente, un informe de impacto de xénero en tódalas intervencións, obras e proxectos urbanísticos que se realicen e liciten de agora en adiante dende o Concello de Lugo.

Este grupo municipal tamén quere que se revisen o Plan Xeral de Ordenación Urbanística e o Plan de Mobilidade para incluír neles a perspectiva de xénero, así como que se avalíen as principais infraestruturas e instalacións de titularidade municipal e tódolos servizos públicos prestados para identificar as posibles problemáticas de xénero e poder propoñer medidas para solucionalas.

Ademais, é preciso incluír informe de impacto de xénero nos Orzamentos anuais e en tódalas ordenanzas e proxectos de carácter normativo producidos polo ente local. De feito, se queira ou non, a partir de agora deberá terse moi en conta o impacto de xénero na planificación urbana, dado que o Tribunal Superior de Madrid declarou en abril de 2017 a nulidade do PXOM de Boadilla del Monte por faltarlle precisamente a avaliación de impacto de xénero.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com