O verán deixa en Galicia un 32% máis de chuvia da esperada

O verán na Comunidade galega foi unha estación cálida e húmida, á vista dos rexistros de temperatura e precipitacións que esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, presentaron en rolda de prensa. A diferencia da temperatura media para a serie rexional situouse nun +0.71ºC, xunto coa anomalía media das precipitacións dun 32% superior ao valor normal, fan que poida considerarse como un verán cálido e húmido.

Tal e como explicou a directora xeral de Calidade Ambiental, a temperatura media obtida a partir das temperaturas medias de once estacións meteorolóxicas foi de 19.8 ºC. No conxunto dos tres meses, destacaron as altas temperaturas mínimas, que cun valor de +1.08ºC por riba da media, poden cualifícanse como moi cálidas. As máximas de xuño e xullo foron inferiores a súas medias climáticas; sen embargo, agosto rexistrou máximas moi altas, que deron lugar á media das máximas máis altas da serie histórica (28.7ºC de media), similar aos 28.6ºC de 2003.

O verán comezou cun mes de xuño normal, en canto á temperatura media, se ben as mínimas estiveron 1.17ºC por riba do normal es as máximas 0.8ºC por debaixo. As temperaturas de xullo estiveron en xeral algo por riba das normais (+0.4ºC); mentres que no mes de agosto, estas acadaron rexistros por riba da media climática. Esta anomalía foi máis marcada nos valores máximos diúrnos que nos mínimos das madrugadas, debido principalmente aos dous episodios de presenza de aire africano a principios e mediados do mes. Así por exemplo en Ourense se contabilizan 12 días por riba dos 35ºC e en Santiago 10 días por riba dos 30ºC.

Cruz Ferreira avanzou que os primeiros cinco días de agosto, debido á chegada de aire procedente do norte de África, foron xornadas de sol e forte calor, con noites tropicais en moitos puntos, e máximas que no sur superaban amplamente os 35ºC, con zonas do Val do Miño por riba dos 40ºC e no norte por riba dos 30ºC. Este fenómeno explica que a estación de Cequiños, no Concello de Arbo, rexistrara o día 4 de agosto unha temperatura de 43.66ºC.

A directora xeral argumentou que -no conxunto- pódese cualificar o verán de 2018 como húmido, cun 32% de precipitacións por riba do valor climático agardado, debido principalmente ao mes de xuño, que foi moi húmido.

En xuño as precipitacións acumuladas estiveron moi por riba do agardado, principalmente debido ao período chuvioso dos primeiros once días do mes; e en xullo estiveron algo por riba do normal, debido principalmente ás chuvias rexistradas nos dous primeiros días do mes e tamén ao final do mesmo, principalmente o día 30.

No caso do mes de agosto, as precipitacións foron inferiores ás agardadas. Unicamente destaca o día 8, con chuvia ocasionada por un sistema frontal que deixou precipitacións intensas en puntos da metade norte, pero máis febles no sur, e algúns fenómenos tormentosos na xornada do 28. A chuvia media no mes de agosto para o conxunto de Galicia foi de 15 L/m2, resultando un mes de agosto moi seco en xeral (aproximadamente un 60% inferior á media).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com