A asociación
Lugo Sen Mordazas vén de convocar unha manifestación para o vindeiro mércores día 26 de setembro ás 20.30 horas co propósito de reunir a todos aqueles lucenses que se posicionen contra a Ordenanza Cívica que pretende aprobar o goberno local cos apoios de PP e Cidadáns. O punto de encontro será na Praza de Santa María.
Dende a agrupación chaman á asistencia de toda a veciñanza dado que “estamos a tempo de parar unha lei que aínda non foi aprobada e que pula por retroceder nos dereitos civís máis básicos e crear unha cidade feita para só unha minoría privilexiada”.
Os membros de Lugo Sen Mordazas exemplifican as súas críticas á Ordenanza Cívica con algunhas das medidas que se pretenden establecer tras a aprobación desta norma municipal. Entre elas destacan pedir esmola ou vender obxectos nos semáforos que se sancionarán con ata 3.000 euros, e incluso mercando esa mercancía, que se multará con 750 euros.
Destacan tamén a prohibición de levar cadeiras para se sentar no parque, utilizar as fontes públicas para asearse ou dar de beber a un animal de compañía, ou mesmo, durmir nun banco, cuestións todas elas que se sancionarán con ata 750 euros. “Entre outras moitas da mesma liña reaccionaria e clasista que son tratadas segundo o Concello coma medidas en busca dun hipotético civismo”, denuncian dende a agrupación cidadá.
“As motivacións que esconden esta ordenanza responden, en realidade, a unha tendencia deste Concello en facer política para unha minoría que fomenta procesos de xentrificación na busca de beneficio propio. A nosa resposta é a organización popular, asemblearia e de base. Para recuperar as rúas, porque son nosas e non nolas van arrebatar, o 26S ás 20:30 horas na Praza Santa María, todas á rúa”, reivindican dende Lugo Sen Mordazas.
Post Views: 0