A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular, Elena Candia, informou que o Valedor do Pobo admitiu a trámite a queixa dos populares, logo das supostas trabas interpostas polo goberno socialista á hora do acceso á información.
Os populares solicitaron a intervención do Valedor do Pobo recomendando á Deputación de Lugo que facilite aos deputados o rápido acceso á información que necesitan para o correcto exercicio da función representativa e da fiscalización da acción do goberno.
A voceira do GPP, Elena Candia, afirmou que o grupo popular viuse na obriga de reiterar moitos dos escritos pendentes, sen ser atendida a súa petición a data de hoxe e a maiores sen solventar as súas solicitudes nun prazo de cinco días, segundo impera o Regulamento Orgánico de Funcionamento da Deputación.
A popular aclarou que “en cinco días remítennos un escrito dende a Sección de Actas no que simplemente nos comunican se a solicitude é admitida ou denegada e que nos empezaron a enviar despois de que nos cansaramos de rexistrar reiteradamente escritos nos que explicabamos que, tal e como establece o ROF, entendiamos concedida a petición por silencio administrativo”.