O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou hoxe na recepción ao comité de expertos da Asociación Europea de Facultades de Veterinaria (EAEVE), que estará en Lugo do 24 ao 29 de setembro para avaliar a renovación da acreditación internacional de calidade da Facultade de Veterinaria da USC no Campus Terra lucense. No encontro tamén participou unha representación das autoridades políticas e académicas da provincia, entre as que se atopaban a Alcadesa da cidade e a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López.
Campos Conde trasladoulle á comitiva europea a importancia do campus universitario de Lugo, e nomeadamente da Facultade de Veterinaria, para o desenvolvemento económico e social da provincia e referiuse ao apoio que está prestando o seu Goberno á calidade e á innovación nos estudos deste grao superior, cuxo máximo expoñente é a construción do Centro Experimental do Leite.
A comité europeo está composto por oito expertos europeos en diferentes áreas de traballo e un coordinador, o belga Pierre Lekeux, que avaliarán once estándares de Veterinaria, entre os que figuran a organización, as finanzas ou as infraestruturas. Na programación da visita tamén se contemplan entrevistas con diferentes actores sociais, que lle permitan ao comité establecer un xuízo preciso sobre a situación da Facultade. É neste contexto no que se enmarca o encontro institucional que tivo lugar no Pazo de San Marcos e que lle permitiu ao comité intercambiar impresións cos axentes sociais da provincia.
A Facultade de Veterinaria do Campus Terra de Lugo conta coa acreditación de calidade da EAEVE desde o ano 2002. No 2008 renovou o distintivo e agora, transcorridos dez anos, debe someterse a unha nova avaliación para manterse na lista de facultades europeas de prestixio. A acreditación da EAEVE é o selo de calidade máis importante de Europa para as Facultades de Veterinaria.