A Sección de literatura de tradición oral da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) propón visitar Palas de Rei para asistir a unha nova Polafía, a trixésimo cuarta, un encontro aberto en forma revista oral para escoitar as historias de tradición oral da comarca da Ulloa. O que suceda nesta Polafía, como xa sucedeu en todas as anteriores, gravarase para ser incorporado ao arquivo oral da web AELG.
O acto, que conta con varias actuacións musicais como a recreación do Antroido de Santo Xusto e a homenaxe a Ramiro Villamor, O gaiteiro de Santo Xusto, a cargo de J. Manuel Miguélez, Eusebio Varela, Roberto Balboa e Carlos e Jaime Villamor, terá lugar mañá, sábado 29 de setembro, a carón do Camiño de Santiago, no Parladoiro de Arqueixal (Santiago de Albá, Palas de Rei), ás 18.00, co título “Memorias (con historias) da Ulloa”.
Conta coas intervencións de Fernando García Penas, Afonso García Penas, Xusto García Castro, María José Gómez Alvite, Carlos Vázquez García, Toño Núñez e Lois Pérez, que contarán historias e poesía sobre o castelo de Pambre, lendas sobre o cabalo do Apóstolo, detalles sobre a toponimia da Ulloa e as plantas que curan, así como un percorrido pola vida do guerrilleiro Curuxás, entre moitas outras cousas.
A celebración das polafías non é posíble sen a colaboración das entidades locais, neste caso Arqueixal, Son d’aldea e Instituto de Estudos Ulloáns; esta edición conta co financiamento da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos).