Ace-Eu: “O proxecto da pasarela ao Anxo Carro incumpre o prego de condicións do EDUSI”

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida reafírmase, trala comparecencia de onte da alcaldesa en Pleno, en solicitar que o goberno local desista de construir a pasarela peonil sobre a N-VI de acceso ao Estadio Anxo Carro. “Non só se ignorou o preceptivo estudo de viabilidade que concluíu que a pasarela non é necesaria por non supoñer unha alternativa aos pasos xa existentes, senón que se dobrou o custe orzamentado do proxecto de xeito inxustificable, subindo ata os 910.752,46€. Non é racional que se gaste case un millón de euros de cartos públicos nunha obra que apenas será utilizada”, afirma o voceiro da agrupación, Carlos Portomeñe.

Para maior gravidade, ACE-EU descubriu que a obra proxectada “non cumpre nin sequera os requisitos dos pregos de condicións para a redacción do proxecto”, que esixe o uso de recursos locais, en concreto madeira e pedra, para a construcción da pasarela. Contradicindo os requisitos do prego, a pasarela proxectouse en aceiro e formigón.

“Isto é de suma importancia non só porque fai anulable o proxecto en si mesmo, senón porque incumpre un dos obxectivos principais da estratexia DUSI marcados pola UE, que é a reducción de emisións de CO2, polo que deben escollerse materiais máis neutros na emisión de gases e máis próximos para evitar as emisións de carbono producidas polo transporte de materiais”, sinalou o concelleiro. “Canto máis afondamos neste proxecto máis imos confirmando que é un absoluto despropósito dende tódolos puntos de vista, tanto político como técnico”, remarcou Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com