A Xunta mellorará as aulas de natureza do Veral e de Moreda

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio executará diversas obras de mellora e acondicionamento das aulas de natureza do Veral (Lugo) e Moreda (Folgoso do Courel). Así o anunciou o delegado  territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen salientou “o importante labor de educación ambiental e promoción do uso público destes espazos naturais”.

As actuacións que se levarán a cabo nos dous edificios teñen un orzamento próximo aos 21.500 euros. Nas dúas aulas hai previstas melloras en interiores e exteriores, tales como a instalación nas fachadas de canlóns e baixantes de recollida de augas pluviais; o acondicionamento da cuberta de lousa da aula do Courel e a colocación dun novo sistema de contras para as fiestras deste centro, así como a adecuación da edificación na que están os servizos sanitarios dos visitantes na aula do Veral.

O proxecto inclúe a dotación de novo mobiliario e a mellora da sinalización en ambas instalacións. No caso do Courel, será instalado un novo indicador direccional da aula de natureza no desvío do lugar de Parada e tamén serán restaurados os sinais ubicados no cruce da estrada de Seoane a Folgoso. No Veral, serán mellorados seis identificadores de especies arbóreas, dous sinais direccionais e outro para o aparcadoiro de autobuses. No contorno da aula luguesa tamén se levarán a cabo traballos forestais e construirase unha varanda de madeira para protexer a charca existente.

O delegado territorial destacou que a potenciación de equipamentos de uso público destas características contribúe a “mellorar o contacto dos usuarios coa natureza, a achegar aos visitantes e a toda a poboación información sobre os valores do espazo natural e a promover un modelo de desenvolvemento e de turismo sostibles”. A aula de natureza de Moreda está situada en territorio da Rede Natura 2000, dentro do espazo protexido ZEC (Zona Especial de Conservación) Ancares-Courel e funciona como centro de atención e información aos visitantes. A do Veral está enmarcada dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e nas proximidades da ZEC Parga-Ladra-Támoga (humedais e corredores fluviais).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com