Turismo restaura a palestra das Termas de Lugo

A Consellería de Cultura e Turismo vén de executar obras de restauración e consolidación das estruturas arqueolóxicas da palestra das Termas de Lugo, nas que investiu preto de 18.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado polo director do Balneario de Lugo, Antonio Garaloces, entre outros, comprobou hoxe o resultado dos traballos, orientados a facer máis comprensible para os visitantes este espazo tan característico dos complexos termais clásicos.

A palestra era un espazo aberto concibido para practicar exercicio físico; no caso do Balneario lucense, está situada na zona da actual cafetería. Foi escavada no ano 1999 e,  debido ao tempo transcorrido, decidiuse unha nova intervención de limpeza, consolidación e restauración dos elementos que a configuran.

Entre outras actuacións, repuxéronse as faltas do pavimento de opus signinum provocadas por canalizacións modernas, seguindo a técnica orixinal e nun material de cor similar pero diferenciado, nunha área duns 8 metros cadrados. Na zona da palestra exterior procedeuse ao recrecemento con áridos ata as cotas de pavimentos orixinais, nunha área de 50 metros cadrados. Cara ao oeste da entrada, onde os pavimentos orixinais están moi alterados ou desaparecidos, restituíronse con áridos ata as cotas orixinais, nunha extensión de 35 metros cadrados.

Ademais, a intervención serviu para conseguir documentación fotogramétrica da zona arqueolóxica afectada, integrable na documentación planimétrica do Balneario de Lugo, e ortofotos xeorreferenciadas coa zona antes e despois dos traballos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com