Alumnado de 9 centros lucenses participan este outono na ‘English Week’

Alumnado de nove centros educativos da provincia de Lugo terá a oportunidade de participar este outono na English Week organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. A través deste programa, estudantes de 6º de Primaria e de todos os niveis da ESO realizarán estadías dunha semana para aprender inglés no centro de inmersión lingüística dos Peares (Ourense), o único de España dedicado en exclusiva a esa finalidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este proxecto de estadías semanais está enmarcado dentro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020.

A convocatoria desenvolverase en dez quendas dunha semana, entre o vindeiro domingo, 7 de outubro, e o 15 de decembro. O alumnado lucense que poderá participar pertence aos CEIP plurilingües San Miguel de Paradela e Santa Rita de Viveiro (6º de Primaria); CPI Tino Grandío de Guntín, CPR Nosa Señora do Pilar de Foz e CPR La Merced de Sarria (1º de ESO); IES Río Cabe de Monforte de Lemos (2º ESO); IES Enrique Muruais da Pontenova (3º ESO); CPI Doutor López Suárez do Saviñao e IES de Becerreá (4º ESO).

As estadías serán gratuítas para as familias, xa que a Consellería asume o custe dos gastos de docencia e material escolar, mantemento e aloxamento dos rapaces, contratación dos monitores que os acompañan, actividades culturais, complementarias e deportivas dos cursos, certificados e seguros correspondentes.

Os estudantes pasarán unha semana nun campamento con profesores e monitores nativos en inglés, onde compaxinarán as actividades formativas con outras de carácter lúdico. O obxectivo principal é proporcionar aos escolares unha actividade de inmersión lingüística que lles permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa. Para iso, organízanse tanto actividades académicas coma outras de tempo libre e obradoiros, promovendo a comunicación en lingua inglesa entre os participantes.

Para a selección dos centros participantes establécense unha serie de requisitos entre os que priman cuestións como os ámbitos rurais ou os contornos socioeconómicos menos favorecidos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com