Vivendas en estado ruinoso, beirarrúas cheas de maleza nas que apenas queda espazo para camiñar, pasaxes accesibles que non o son e infraestruturas antigas e inseguras… “É a fotografía da rúa San Eufrasio, entroncamento fundamental da capital co Camiño Primitivo e tamén un dos enclaves máis deprimidos da cidade, que esmorece por falta de atención municipal”.
Lugonovo insta, con esta descripción, ao goberno a atender as necesidades da zona, emendando o abandono que padece. “Xa para comezar, á perigosidade que entraña a topografía e o tráfico da contorna hai que engadirlle a presenza de silvas que ameazan con chegar á calzada, especialmente no treito comprendido entre o cruzamento co barrio da Chanca e o Carril dos Indios. Atrancos para o viandante que se complican aínda máis naqueles pasos especialmente habilitados para mellorar a mobilidade peonil pero que, pola súa configuración, acaban dificultando os desprazamentos”, indica Cristina Pérez Herráiz.
A portavoz do Grupo Municipal fai alusión así á rampla que se atopa a altura do edificio número 45 onde, pola súa pendente e estreiteza, resulta intransitable en cadeira de rodas ou cun carriño de bebé, “coa única opción alternativa de ter que invadir a estrada para continuar traxecto”, engade.
Por outra banda, a conexión deste enclave coa Avenida das Fontiñas deixa, segundo a voceira, “moito que desexar”.
“Para salvar a altura entre un barrio e outro só hai unhas escaleiras, completamente cegas, sen apenas visibilidade e cheas de graffitis, nas que moitos aproveitan esta privacidade que ofrece para empregalas como váteres públicos, polo que a sucidade é constante. Desembocan nun camiño cunha pequena varanda como único elemento de protección fronte ao elevado desnivel que mantén cos terreos limítrofes o que convirte a costa nun auténtico foco de perigo” di Pérez Herráiz.
“Deficiencias, todas elas, que o executivo debe corrixir canto antes se quere evitar que o deterioro desta parte do concello vaia a máis ou que a cidadanía sufra algún percance”, conclúe a portavoz.