Lugonovo preguntará ao goberno pola eficacia atribuíble ao convenio asinado polo Concello, o pasado mes de abril, para o aproveitamento forestal do monte. O Grupo Municipal quere saber, entre outras cuestións, cantos permisos presentaron as empresas do sector no case medio ano transcorrido dende entón.
“Esta primavera denunciamos o grave prexuízo que as operacións de corta e saca están a ocasionar ao medio ambiente e ás comunidades veciñais. O peso da maquinaria deteriora irreversiblemente o terreo e o asfaltado das pistas, deixando sen servizo aos residentes e mesmo os refugallos que se orixinan durante a talla acaban esparexidos polas cunetas dificultando, logo, a canalización das augas pluviais e propiciando os asolagamentos”, refire Víctor Álvarez.
O concelleiro da formación insiste na necesidade de rematar, canto antes, coa impunidade coa que operan as madereiras. “Cremos que unha cuestión tan importante coma esta non debera fiarse a unha simple declaración de intencións, que é como se pode catalogar este protocolo, senón que a administración debera dotarse dun marco legal axeitado que efectivice, concrete e incremente o control sobre estes operativos”, indica Álvarez Arias quen adianta que Lugonovo solicitará, asemade, que o executivo dea conta de se nalgunha desas intervencións se certificaron danos ás dotacións públicas froito da actividade produtiva agroforestal, así como a súa localización e magnitude e se, algún deses expedientes, continúa aínda aberto.
“Gustaríanos tamén que se trasladase quén e de qué maneira supervisa eses traballos de extracción ou si se constata que non os están a efectuar sen realizar antes a correspondente comunicación municipal e, de ser así, cal é a marxe de manobra coa que conta o Concello ante un posible incumprimento dos termos do convenio”, conclúe o edil.