Ace-Eu insta a reconducir os proxectos da EDUSI para protexer o Camiño Primitivo

A recente resolución da Dirección Xeral de Patrimonio que descarta a construción dun novo carril de acceso dende A Volta da Viña á N-VI confirma, segundo advertira o grupo municipal ACE-EU, que o goberno local non tivo en conta no prantexamento dos proxectos da Estratexia DUSI que tódalas intervencións propostas se atopan dentro do ámbito de territorio histórico do Camiño Primitivo.

Esto significa que todo este territorio está catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural) segundo o que dita a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia; e que, polo tanto, no deseño dos mesmos se debía ter priorizado a especial protección do mesmo. Nin na elaboración xeral do Plan Muramiñae, nin nos estudos de viabilidade dos proxectos encargados á INCA se contemplou a correcta conservación do territorio histórico do Camiño Primitivo, polo que a futura execución do resto de proxectos tamén se podería atopar comprometida e a súa idoneidade está en cuestión.

Para o grupo mixto do Concello de Lugo, toda a estratexia debería ser reconducida agora que se está a tempo para cumprir os requisitos de conservación patrimonial. “Os proxectos estrela da alcaldesa acaban estrelados pola súa continua improvisación e xestión electoralista”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

O feito de que a Xunta desautorizase a construción dun novo carril dirección A Coruña na Volta da Viña salientando que “no territorio histórico as infraestruturas e máxime ao pé da gran arteria fluvial que é o río Miño, deben deseñarse con criterios de integración paisaxística onde zonas verdes intercaladas contribúen a manter os valores propios dun espazo protexido como Patrimonio Mundial” evidencia que tamén a pasarela ao Anxo Carro é incompatible cos criterios de protección dun BIC na modalidade de territorio histórico, como leva tempo insistindo ACE-EU.

“Ningunha solución para o cruce seguro neste punto da N-VI pode supoñer a introdución de ningún novo artefacto con significativa presenza na paisaxe, senón que debería consistir na mellora das condicións, a nivel ou baixo rasante, dun viario non tradicional como é esta estrada nacional, co obxectivo de non interferir na percepción e apreciación do territorio histórico do Camiño Primitivo dende o trazado do propio Camiño”, remarca o concelleiro Carlos Portomeñe.

Sumando os cartos destinados á pasarela ao Anxo Carro e os 450.000€ do acceso á N-VI rexeitado pola Dirección Xeral de Patrimonio, o goberno tería á súa disposición  case 1.400.000€ para deseñar unha alternativa que realmente sirva para conectar a cidade coa contorna fluvial e que resulte a un tempo racional, sostible e respectuosa coa riqueza paisaxística e patrimonial do noso municipio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com