Medio Ambiente realizará obras de mellora no Veral, en Fragavella e no Centro Ictioxénico de Goó

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar melloras en tres instalacións da provincia de Lugo dedicadas á preservación da fauna e da biodiversidade. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que as actuacións levaranse a cabo na finca Fragavella (en terreos de Mondoñedo e Abadín); no complexo ambiental do Veral (Lugo) e no centro ictioxénico de Goó (O Incio).

Balseiro sinalou que se trata de obras de reparación e acondicionamento enmarcadas dentro da planificación global de intervencións da Xunta para que a rede autonómica de centros “continúe funcionando con eficacia”. O investimento total nesta ocasión é de aproximadamente 8.700 euros.

A finca Fragavella alberga unha importante diversidade de fauna e vexetación e nela localízase unha ampla variedade de setas e tamén están presentes formacións turbeiras de alto valor na regulación hídrica da zona.

A intervención proxectada centrarase na reparación do peche perimetral do cercado dos veados, mediante o aseguramento de 29 postes de formigón e a colocación de 165 metros lineais de tela cinexética. Serán arranxados puntos do peche que foron afectados polos efectos da choiva e pola acción dos xabarís. Está previsto ademais amañar a cuberta da nave onde se almacenan os alimentos para os animais e a maquinaria.

A actuación no Veral afectará á zona de corentena nas instalacións para a cría de coello de monte, co obxectivo de garantir a aplicación das medidas que esixe o manexo sanitario desta poboación de coellos.

Por último, no centro ictioxénico de Goó, un dos que ten a Consellería na provincia para criar especies piscícolas coa finalidade de repoboar os ríos, está prevista a prolongación da pasarela do río Mao e o peche de estanques interiores.

Balseiro puxo de relevo o traballo que se realiza nestas instalacións, cuxa actividade é clave “no coidado do medio ambiente e no mantemento dos diferentes hábitats que forman parte da nosa riqueza natural, un dos piares da nosa provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com