A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo -xunto ao Presidente, Darío Campos Conde, máis compañeiros no Executivo da Deputación; representantes de FADEMUR, traballadores da institución e veciños en xeral- foi a encargada de ler a declaración institucional que aprobou este luns a Xunta de Goberno con motivo do Día Internacional da Muller Rural.
López Izquierdo quixo empezar facendo un recoñecemento á contribución da muller no desenvolvemento económico, social e cultural “das nosas aldeas”. Dixo ser consciente dos “grandes retos” aos que se enfrontan as administracións e a cidadanía na defensa do medio rural, en especial no relativo á sostibilidade poboacional que garanta a supervivencia do rural e que non é posible sen mulleres: “a muller é o eixo da unidade familiar e a heroína do rural: sen mulleres non habería familias e non existiría o rural”.
A loita por unha igualdade real no rural é a chave para frear o despoboamento, o éxodo e a desordeación do territorio e nesto quixo insistir tamén a deputada quen gabou o labor das mulleres que, no ámbito rural, desenvolven a súa actividade laboral nas explotacións familiares agrarias, “compartindo cos homes as tarefas e aportando bens e traballo sen ter, en moitos casos, os mesmos dereitos que os titulares das mesmas”.
“É tarefa de todos garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no medio rural, porque detrás de cada explotación familiar para a que non hai relevo, detrás de cada muller que abandona a súa aldea, atopase un grave problema: avellentamento da poboación e éxodo rural; problemáticas que afectan de xeito moi importante á nosa comunidade”, rezaba o manifesto.
Outro punto que non puido faltar na lectura foi a Política Agraria Común (PAC), á que, segundo as mulleres rurais, hai que engadir certa perpectiva de xénero. “Por iso a maiores de solicitar unha mellor dotación económica para a mesma, FADEMUR quere lanzar unha mensaxe clara na liña do sinalando pola ONU Mulleres na súa campaña #AhoraeselMomento”. A campaña á que fixo referencia a deputada busca promover a autonomía das mulleres rurais, ao contemplalas como o verdadeiro motor do desenvolvemento rural, do avance das comunidades locais e como o elemento imprescindible para o sostemento da agricultura familiar, básicas para garantir a alimentación no mundo.
A PAC, “unha auténtica fenda salarial” segundo resaltou López Izquierdo facendo referencia a que as mulleres reciben un 40% menos que os homes, facendo o mesmo. “Se falamos dos datos galegos, as mulleres supoñen o 57,6% das persoas perceptoras das axudas directas da PAC(16.495 mulleres fronte a 12.147 homes), o que non significa que teñan un diferencial menor. Todo o contrario. En Galicia están percibindo de media un 40,53% menos (3.103€ as
mulleres e 5.218€ os homes)”.