Cuestión de sorte?

Hai tempo, o desexo para os recén nados viña ser o de “Deus te críe para boa fada”, ou o que é o mesmo: que teñas moita sorte na vida, entendendo que a sorte non hai que buscala senón que ven ou non, segundo se cadre.

Un podía buscar a sorte toda a vida, e serlle esquiva ou atopala a pouco que se esforzase. E unha das probas de boa sorte era atopar algunha rareza que acreditaba que o beneficiado era seguido –no mellor dos casos, perseguido- pola deusa Fortuna, en calquera das suas gradacións.

Por iso, cando se vía un conxunto de plantas de trébol – xa se sabe: trébol, por tres follas- quen máis quen menos buscaba algún exemplar que, como rareza, presentaba catro follas.

Nunca ata agora atopei un trébol de catro follas, polo que teño que recoñecer que aqueles que o atoparon son especialmente tratados por algunha forza da natureza ou espíritu benigno que goberne as cousas da sorte. E de repente, atopo unha ducia, sen que a miña sorte teña cambiado, senón que a modernidade presenta outros factores que inciden nas crenzas habituais ou as derruban totalmente.

Cal non sería a miña sorpresa cando nunha visita á casa duns familiares, me ensinan unha planta especial que están cultivando e que produce exclusivamente tréboles de catro follas. Non é que estean especialmente dotados pola boa sorte, senón que tiveron a oportunidade –a ver se agora a sorte radica niso- de mercar unhas sementes de trébol que produce estes especiais exemplares.

Calquera entendido na materia intuirá que un avispado investigador, dotado de bo sentido comercial, deu en manipular o ADN, ou o que funcione nas plantas, para cambiar as características da planta que en tempos era moi estimada para a producción de herba para os pastizais, e fixo aumentar as follas dos xa non tréboles, co cal o novo exemplar mantén as características da planta, alterando a súa conformación exterior.

Visto está que a sorte xa non a decide o azar senón os laboratorios, a investigación abre camiños que hai pouco parecerían incribles, e todo hai que velo con ollos diferentes á vista da modernidade. Agora si –anticipouno a zarzuela- que “as ciencias adiantan que é unha barbaridade”. A ver como vai a sorte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com