Novembro será o mes de partida para a posta en marcha da captación de proxectos para a nova convocatoria da Aceleradora Aeronáutica. Así o avanzou esta mañá en Lugo o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que asegurou que este feito unido ao desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Rozas, situan a Lugo e, ao sector aeronáutico, no comezo dunha andadura que ten “gran potencial de crecemento”.
O conselleiro sinalou que para lograr o impulso definitivo neste ámbito cómpre aliñar todos os esforzos, xerando proxectos de innovación cos que poñer no mapa internacional a industria aeronáutica galega. Neste sentido, remarcou que desde a iniciativa pública e privada se pode crear un ecosistema de innovación que dea valor engadido aos sectores estratéxicos da industria galega, polo que agradeceu a colaboración a Indra e Babcock, ao CTAG, á Fundación CEL e ás empresas e centros tecnolóxicos que colaboran na primeira edición da aceleradora aeronáutica por apoiar á Xunta no proxecto.
A iniciativa que hoxe se presentou vai ser a incubadora-aceleradora do sector aeronáutico que prevé o investimento máis cuantioso por proxecto, non só en España, senón en toda Europa. Cada unha das edicións constará de varias fases: a convocatoria, a selección de proxectos, o apoio ás empresas seleccionadas cunha fase de incubación e outra de aceleración e o fin do programa co seguimento dos investimentos. Unha vez seleccionados os proxectos, pasarán pola fase de incubación se son empresas en fase temperá que se atopen entre o nacemento da idea e a validación do modelo de negocio. Cada proxecto recibirá unha axuda da Xunta de ata 100.000 euros e poderán acceder a investimentos en capital por parte de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros.