O Seprona interésase polas Residencias da Deputación no que podería ser o cuarto “fronte xudicial” para o organismo

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil interesouse o pasado mes de agosto polas Residencias da terceira idade. Unha petición, no marco dun Procedemento Abreviado, que a Deputación de Lugo remitiu, en parte, a Suplusa, a Sociedade Urbanística que xestionaba, no momento da construcción estas Residencias.

Así o advertiu hoxe o deputado non adscrito e presidente de Suplusa, Manuel Martínez, quen asegurou que este requerimento de documentación podería volverse nun novo “fronte xudicial”, “o cuarto”, para a administración provincial.  Martínez acusaba así ao goberno socialista de “xudicializar” en exceso o organismo provincial. Un tema no que, segundo o deputado non adscrito, os socialistas chegan incluso a denunciar á propia Deputación en contra do Regulamento Interno aprobado polo pleno o pasado mes de xuño.

Martínez explicou que o Seprona pediu explicacións ao goberno provincial que este lle remitiu, só en parte, a Suplusa para obter información sobre as residencias que actualmente se atopan en funcionamento, os motivos polos cales non funcionan as restantes e a identificación das empresas que realizaron as obras das residencias. A pesares do interés do becerrense en coñecer algo máis sobre esta petición do servizo da Garda Civil, o certo é que o goberno socialista non lle explicou máis. “Non se nos facilitou o escrito da Garda Civil, só as preguntas”, explicaba o deputado “non sabemos nin o que lle contestaron dende a Deputación”.

“O embarramento do socialarribismo”

Manuel Martínez aproveitou ademáis para denunciar o “descrédito” ao que o equipo de Darío Campos está a levar á Deputación como institución “manipulando a infromación” que dan aos medios. Un “embarramento do socialarribismo”, en palabras de Martínez, que desvirtúa a administración provincial con “artimañas torticeras”. Unhas declaracións que daban resposta ás “mentiras” vertidas onte, segundo o becerrense, polo vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández, quen afirmaba, a un medio radiofónico, que Suplusa entregáralle recentemente os terreos e os edificios das residencias provinciais, cando, segundo Martínez, “se lle entregaron hai meses”.

Todo esto vén dado, segundo denunciou o presidente de Suplusa, a que o equipo de Goberno de Darío Campos “non acepta que son minoría e non lle gustan as decisións tomadas pola maioría”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com