A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación interposto por Ibrahima Ndiaye, condenado a 25 anos de cárcere por asasinar a súa moza, Tatiana Vázquez, en Lugo en abril de 2016. A Audiencia Provincial de Lugo, no fallo que agora confirma o TSXG, tamén lle impuxo, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, outros dous anos de privación de liberdade por cometer un delito de violencia habitual no ámbito familiar.
O xurado popular considerou probado que o acusado mantivo unha actitude despectiva cara á vítima, que tiña 24 anos, durante a relación, “con insultos, illándoa da súa familia e amigos e facéndoa obxecto de continuos menosprezos”. Segundo os membros do tribunal, asestou ata 54 coiteladas á falecida no interior do seu vehículo, “a maior parte delas de escasa entidade, para deste xeito aumentar intencionadamente a dor da vítima”.
O TSXG argumenta na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que os “reparos á valoración indiciaria” efectuados no recurso “ou non resisten unha análise lóxica ou tropezan coa valoración xudicial que, ademais de ser lóxica e imparcial, se ten que valorar con preferencia a da parte”.
Sobre a alegación de que o Tribunal do Xurado puidese ser obediente “cunha valoración policial de conveniencia, auspiciada polo horror que causa un crime sanguento, que conmove, en case todos os sentidos da palabra (bos e malos), aos cidadáns”, o alto tribunal galego subliña que “non parece senón unha valoración interesada de contextos obvios que se depuraron nun ámbito sobradamente garantista”.
“Á vista está que a investigación policial e a da médico forense foron minuciosas, detalladas e atinxentes ao caso, de maneira que a tacha de insuficientes ou guiadas por un prexuízo en contra do reo non se sosteñen como criterio xeral”, recalca o TSXG, quen sostén que o condenado tratou “inequivocamente de adoptar a súa versión dos feitos a conveniencia”.
Dous años de cárcere por abuso sexual a unha menor
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar o recurso de apelación presentado por un condenado pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo a dous anos de cárcere por cometer un delito de abuso sexual sobre unha menor de 16 anos. O alto tribunal galego rexeitou as alegacións do sospeitoso e confirmou o fallo de primeira instancia, que tamén lle impuxo a prohibición de aproximarse á vítima e de comunicarse con ela durante cinco anos, así como a prohibición de acudir a centros educativos, a lugares frecuentados por menores e á rúa Bispo Aguirre de Lugo.
A Sala do Civil e Penal do TSXG considera acreditado que, en outubro de 2016, o acusado aproximouse a unha nena de 12 anos cando camiñaba por unha rúa de Lugo acompañada por unhas amigas e lle tocou os glúteos.