A Asociación Cultural Avelino Díaz vén de renovar a súa Xunta Directiva, despois do proceso asembleario celebrado nas últimas semanas. Federico Cachafeiro é o novo presidente e catro mulleres convértense en vicepresidentas, representando a diversas entidades. Elas son Azucena Gavín, do grupo de pandereteiras Nove ferreñas; Araceli Pillado, da Asociación de Veciños/as de Fomiñá; Teresa Rielo, da Confraría Nosa Sra. do Pedregal e Ermitas Rodríguez, da Asociación Cultural M de Meira.
Paco Veiga deixa de ocupar a presidencia para ocuparse da secretaría mentres que Ana Jartín se encargará da tesourería. O resto da directiva fórmana dez vogais: Rosa Fernández Ramallal, da Asociación de Mulleres Rurais “Pobo de Miranda”; Manuel Pardo López, da Asociación de Amigos/as da Malla; Carlos Veiga García da Asociación de Veciños/as de Sta. Comba da Órrea; Ramón Fernández García, Manuel Freixo Sobrado, María García Jartín, Isabel Pin Díaz e Ana Veiga García. Tamén están representados os concellos de Meira e Riotorto con Agustín Méndez Moirón e Xosé Luís Lorido Carballeira, respectivamente.
A asociación cultural Avelino Díaz pretende poñer en valor a vida e a obra de Avelino Díaz, nacido en Santa Comba da Órrea (Riotorto), pero que pasou boa parte da súa nenez en Meira. O denominado Poeta de Meira emigrou sendo adolescente a Buenos Aires, onde desenvolveu un intensa actividade xornalística e literaria. Nunca regresou á Terra, e precisamente por iso a súa obra é, se cadra, máis coñecida en América que en Galicia. A pesar diso, trátase dunha obra de calidade que sen dúbida merece unha investigación demorada, sobre todo se temos en conta que, á marxe dos seus catro volumes publicados, uns 850 poemas están pendentes de localización.
Para que a súa obra poida ser localizada e investigada, a asociación, formada por un importante número de colectivos de toda índole dos concellos de Riotorto e Meira, pretendía conseguir para el o Día das Letras de 2017, cando cumpriría 120 anos. Dado que iso non foi posible, a candidatura de Avelino será presentada de novo para un Día das Letras.