A Xunta de Galicia promove obras, novos servizos e distintos apoios á veciñanza de Cervantes que supoñen un investimento conxunto que, só no que levamos de ano, supera os 3,5 millóns de euros.
Así o explicou o delegado territorial autonómico, José Manuel Balseiro, durante unha visita á localidade na que quixo facer balance do compromiso inversor do Goberno galego neste municipio, que se centra de xeito especial no medio rural.
Con todo, Balseiro quixo poñer en valor, en primeiro lugar os 248.000 euros que a Xunta destina a Cervantes a través do Fondo de Cooperación Local, un investimento que o Concello pode destinar a impulsar aquelas obras ou servizos que estime máis acaídos, con total liberdade e sen condicionantes, a diferenza dos plans doutras administracións.
Noutro orde de apoios, entre as achegas máis relevantes, pola súa contía están as dirixidas aos profesionais do sector do agro e da gandaría e nas que se inclúen as axudas para incorporación de mozos (202.5000 euros), para pequenas explotacións (45.000 euros), e os plans de mellora (81.196 euros) Sen esquecer os pagos das axudas directas a rural e agroambientais por valor de 1,2 millóns de euros.
No ámbito das infraestruturas destacan os 62.600 euros destinados pola administración autonómica para a mellora de estradas e camiños rurais, ou a renovación de pistas forestais e cortalumes, por importe de 20.200 euros. A todo isto hai que engadir o mantemento da brigada de prevención e extinción de incendios, para o que a Xunta destina case 80.000 euros.
A Xunta tamén promove novas áreas de pasteiro neste termo municipal, con achega de máis de 100.000 euros para a súa posta en marcha e outros apoios vinculados á compensar os danos provocados polo lume, entre os que están as achegas para a rehabilitación da vivenda que ardeu en Pando (102.000 euros), o convenio de mellora de infraestruturas (1.800 euros) e outros apoios con axudas directas e renovación de espazos naturais.
Xa no ámbito social, o principal investimento do Goberno galego vai dirixido ao sostemento do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes, que supón un investimento autonómico directo de preto de 89.000 euros
Outro aspecto no que se amosa un importante esforzo inversor da Xunta ten que ver co ámbito do emprego xa que logo, á recente aprobación dun novo obradoiro compartido cos concellos de Navia, Pedrafita e Triacastela (cunha achega conxunta de 288.807 euros), hai que engadir, o financiamento para a contratación de dous empregados municipais a través do programa Aprol Rural (22.500 euros) ou o sostemento do servizo de orientación laboral (25.000 euros)
A Xunta tamén concedeu sendas axudas a varias asociacións veciñais de Cervantes, por importes próximos aos 12.000 euros, en cada un destes dous casos, que permitirán a mellora de acceso ao núcleo de Balgas e a mellora do camiño en Vilaluz.