O Comisario europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, o maltés Karmenu Vella, vén de respostar en nome da Comisión Europea (CE) a unha pregunta rexistrada pola deputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, en relación á posíble redistribución das cotas pesqueiras a prol dunha posible ampliación significativa da marxe de capturas para os barcos galegos.
Vella respondeu que a información proporcionada á CE polo Estado español, non lle permite “inferir” que os criterios que aplica para repartir as cotas sexan contrarios ao Art.17.
Senra denunciou que “a información que ten a Comisión por parte do Estado non se axusta á realidade, posto que neste momento na Galiza a aplicación das cotas pesqueiras ameaza con destruír milleiros de postos de traballo e con eles a economía local”. A fin de clarificar que tipo de información está a recibir a CE, a eurodeputada de AGEe instouna a “contactar directamente co sector, que xusto nestes días está mobilizándose en demanda do aumento de cota”.
“Tendo en conta que na súa resposta o propio Vella afirma que a Comisión Europea recoñece para Galiza a importancia do seu sector pesqueiro para a economía local e dado que o citado Artigo 17 sinala que un dos criterios empregados para realizar o reparto de cotas é precisamente a contribución á economía local, dende AGEe entendemos que o Goberno español non cumpre coas obrigas recollidas no citado artigo da Política Pesqueira Común (PPC), con respecto aos criterios a aplicar para o reparto da cota dentro do Estado.
Doutra banda, a eurodeputada de AGEe sinalou tamén que “non estamos dacordo en que a cota asignada ao Estado español garanta a estabilidade relativa das actividades pesqueiras”, polo que “é necesario revisala para que as cotas estatais sexan xustas e resposten á realidade pesqueira da Galiza”, demandou.