O presuposto da Xunta para o 2019 non convence á oposición

O presidente local do PP, Ramón Carballo, valorou de forma positiva os orzamentos da Xunta para o ano 2019 manifestando que atenden ás necesidades dos lucenses en distintos ámbitos”. Nesa liña, Ramón Carballo salientou o “esforzo inversor” para impulsar os proxectos do Centro de Saúde Integral (5,25 M€), a oficina de emprego do barrio da Residencia (1M€) e da central de biomasa (500.000 €).

Nos orzamentos de 2019, apréciase, segundo Carballo, o “a sensibilidade do goberno galego en materia educativa”. Nese senso, o popular destacou a achega económica de 2.588.800 € que se destinará para o novo colexio do Sagrado Corazón. O popular avanzou que a licitación desta obra será unha realidade a final deste ano ou principios do 2019.

Para o presidente local estes orzamentos son un exemplo de que “o esforzo inversor de anos anteriores prolóngase en actuacións como o desdobramento do corredor Nadela-Sarria (1M€), o Plan Paradai (450.000 €), o equipamento do novo auditorio (391.019 €) o impulso do laboratorio de saúde pública (552.907 €), os programas da Axencia Galega de Infraestructuras (450.000 €), a estación intermodal (30.000 €) ou programas de control e erradicación das EETS (165.600 €). Canto a actuacións de protección no patrimonio cultural tamén figura unha achega de máis de 270.000 € para conservación da muralla.

“Hai que ter a cara moi dura”

Tamén o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Santos, valorou hoxe os orzamentos da Xunta para 2019, o socialista, pouco ou nada compartía coa opinión de Ramón Carballo. Así, Santos Ramos asegurou que ás veces, os discursos de PP e PSOE poden “semellar similares” porque hai inquedanzas comúns a todos os grupos, pero o certo é que, segundo afirmou, os socialistas “temos feitos constatables en toda a provincia”.

Ao tempo que resaltaba as “inversións millonarias en todos os Concellos” que veu realizando a Deputación durante esta lexislatura, a Xunta, dixo Santos Ramos, “só pode presumir dos anuncios de grandes investimentos”, gasto que, segundo o socialista, non se materializa a maioría das veces.

“Hai que ter moita cara dura para volver a promocionar a inversión no Auditorio”, exemplificaba Santos Ramos, quen tildaba a Feijóo de “sinvergüenza” por “poñer cifras” que despois non executa. “Pero alguén vai crer a Feijóo? O PSOE vai traballar para convencer aos veciños nos 67 concellos”, concluíu.

“Orzamentos electoralistas”

O voceiro do BNG no concello de Lugo afirmou, en relación aos orzamentos da Xunta para o 2019 que son “electoralistas, máis pensados para as eleccións ao goberno galego que para as municipais” e afirmou que “o PP segue castigando á Lugo e pouco lle axudan os orzamentos de Feijóo ao candidato do PP á alcaldía”. Arroxo explicou que a maior parte dos investimentos destinados a Lugo están orzamentados para que se executen no ano 2020 que é o ano das eleccións galegas. Segundo Arroxo “moitos das obras que se anuncian neste documento non comezarán a executarse ata pasadas as eleccións locais do 26 de maio do 2019, se é que se chegan a executar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com