A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, participou hoxe na camiñada urbana polo Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo, entre a ponte da Chanca e a romana, unha actividade organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño (APECSA), en colaboración coa Asociación da Prensa de Lugo e a de Amigos do Camiño da provincia, que forma parte do seu programa Días de Andar… As Camiñadas, conmemorativo do 25 aniversario do Xacobeo e da declaración do Camiño como Patrimonio Mundial.
Méndez, que ofreceu no consistorio unha recepción ao medio cento de participantes, aos que agasallou cunha escolma de textos do Doutor Castro e unha guía do Camiño ao seu paso por Lugo, ambas editadas polo Concello, subliñou que esta actividade contribúe a seguir potenciando a ruta xacobea, como o está a facer o Goberno con diversas iniciativas, entre elas, a institucionalización dun día dedicado ao Camiño nas festas de San Froilán ou as actuacións de posta en valor recollidas na estratexia DUSI financiada con fondos europeos.