O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, afirmou hoxe que “os orzamentos da Xunta para 2019 son os mellores que tivo esta provincia nos últimos quince anos”.
Balseiro lembrou que, en relación cos últimos orzamentos do bipartito, multiplican por 11 o investimento por habitante en Lugo, “e iso pese a que a Xunta dispón de 2.000 millóns de euros menos para investir porque aínda non recuperou o nivel de gasto anterior á crise”.
En concreto, o Goberno galego pasa dun investimento de 374 euros por lucense no 2009 -cando a Xunta presupostaba 11.426 millóns de euros- aos 4.022 euros por lucense previstos para o ano próximo, cando se prevé un orzamento global de 9.487 millóns de euros.
O delegado afirmou que estes datos son públicos, figuran tanto nas normas orzamentarias como no Diario de Sesións do Parlamento de Galicia, “e non se poden refutar con demagoxia, nin ofrecendo unha visión parcial e sesgada, que toma a parte polo todo. Chama a atención -engadiu- que aqueles aos que lles valían os orzamentos do 2009, que discriminaban claramente á provincia, non lles sirvan estas contas que son moito máis vantaxosas para Lugo”.
Neste percorrido, apuntou, “tivemos que afrontar unha seria contención do gasto para sanear as contas”. Galicia foi a comunidade que menos incrementou a débeda pública desde 2009 e a que cumpriu o déficit tamén desde ese ano. Por iso, hoxe somos solventes e temos menos hipotecas para o futuro que a maioría das comunidades
Balseiro asegurou que a Xunta ten sobradamente demostrado o seu compromiso coa obra pública na provincia de Lugo, con importantes proxectos en marcha e outros que comezarán a materializarse no vindeiro ano, “e nos que se investirá a medida que as obras vaian avanzando e se xustifiquen, como é o procedemento habitual e como sabe calquera persoa que teña ou tivera responsabilidades de goberno”.
Neste sentido, incidiu en que Lugo lidera o gasto por habitante en Galicia, o que responde en boa medida á máxima de que “esta é a lexislatura do rural, o que se traduce no maior esforzo inversor que disfrutou nunca esta provincia”.
“Este investimento -aseverou Balseiro- destínase a obra pública, a blindar o gasto social, modernizar a sanidade e o sistema educativo ou impulsar os sectores produtivos, especialmente o vinculados coa actividade agraria e forestal, entre outras medidas”.
Ao mesmo tempo, sinalou, “implementamos de novo rebaixas fiscais para o conxunto da poboación, que serán especialmente relevantes no medio rural”.