Isabel Rodríguez pide a implicación de administracións e tecido social na loita contra a violencia de xénero

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou o “absoluto compromiso” do Goberno de Pedro Sánchez na loita contra a violencia sobre as mulleres. Isabel Rodríguez interviu esta tarde na inauguración dunhas Xornadas sobre Violencia de xénero organizadas pola asociación Sí, hai saída. No acto de apertura, tamén participaron a presidenta da asociación organizadora, Marta Rodríguez Engroba, e o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo.

Isabel Rodríguez remarcou que “unha das primeiras medidas que tomou este Goberno foi devolverlle aos concellos as competencias, acompañadas da correspodente financiación económica, para que poidan desenvolver políticas de igualdade e contra a violencia de xénero. Trátase de darlle protagonismo e de fomentar a implicación das administracións que están máis perto das as persoas”.

A subdelegada do Goberno explicou que o reparto de fondos faise de xeito totalmente obxectivo e transparente e que os concellos da provincia de Lugo recibirán este ano un mínimo de 106.000 euros, que se incrementará na medida na que os municipios se adhiran ao Sistema de Seguemento Integral de Violencia de Xénero (VIOGEN).

“Queremos que todos os concellos da nosa provincia traballen, conxuntamente coas forzas de seguridade e coa Xustiza, para acabar coa Violencia de xénero, e que busquen a colaboración e a implicación, que é moi necesaria, dos axentes sociais, do sector educativo, do persoal sanitario, dos técnicos de emprego, etc.”, explicou Rodríguez López, que enviou o mes pasado cartas informativas sobre o Plan do Goberno contra a violencia de xénero aos 67 alcaldes e alcaldesas da provincia.

Froito desta iniciativa, xa se ten constituído na provincia unha nova Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero en Viveiro e catro concellos mostraron o seu interese nas últimas semanas en incorporarse ao Sistema Viogén.

No seu discurso, a subdelegada do Goberno tamén puxo de manifesto o importante papel que desenvolven os colectivos sociais como Sí, hai saída na loita contra a violencia de xénero, xa que, ademais de dar apoio e asesoramento ás vítimas, axudan á sensibilización da cidadanía e actúan como estímulo ao traballo das administracións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com