Integrantes da Plataforma Lugo Sen Mordazas, concentráronse hoxe diante do Concello para lembrarlle ao goberno local que continúan atentos ante calquer intento de “pór mordazas á cidade”. O PP levaba hoxe ao pleno a proposta de comezar a traballar nunha nova Ordenanza Cívica, que a Plataforma denomina “ordenanza mordaza”, nesa moción quixeron estar presentes algúns dos membros da organización para amosar o seu rexeitamento ante esta novo intento de sacar adiante unha normativa “represora”.
Tanto PSOE como Cs votaron en contra e eso fixo que se rexeitara esta proposta, pois o voto a favor dun deses grupos e a abstención do outro abondaría para que a tramitación seguise adiante. Coa negativa de todos os grupos agás o PP, ponse fin, segundo considera a plataforma “cando menos durante esta lexislatura, ó proxecto de aprobar unha ordenanza de corte represor e excluínte”.
“Consideramos que isto demostra que para conseguir obxectivos só hai unha vía: a mobilización social. Sen ela, sen estes meses de andadura da plataforma, todo isto non sería posible”, aseguran dende Lugo Sen Mordazas, que celebra a retirada efectiva da ordenanza no pleno de hoxe e que a ve como “un logro da veciñanza de Lugo”.
Con todo advirten que, “non adoptamos unha postura inxenua nin conformista” e continuarán expectantes pois, consideran que o goberno local “ten intencións manifestas” de aplicar políticas que traballen na mesma dirección que a fallida Ordenanza Cívica. Asemade, dende a plataforma dan conta de que Cidadáns defende a elaboración dunha nova ordenanza similar e que, a primeira promesa electoral do PP cara as vindeiras eleccións é a aprobación dunha ordenanza de Civismo.
Por iso, “a valoración que facemos é que aínda queda moito por facer, unha retirada pola nosa parte só serviría para dar carta libre ó Concello para facer e desfacer ó seu antollo. Seguimos e seguiremos activas por unha cidade viva e inclusiva”, conclúe a Plataforma Lugo Sen Mordazas.