“Presentado o candidato do PP á alcaldía de Lugo cidade, continuaremos no mes de novembro dando a coñecer os dos 66 municipios lucenses restantes”. Así o avanzou a presidenta provincial do PP, Elena Candia, durante a reunión da Xunta Directiva Provincial na que participou tamén o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, ademais doutros cargos orgánicos do Partido, alcaldes e voceiros municipais.
Durante a sesión, que serviu como unha primeira toma de contacto do responsable do departamento autonómico de Medio Rural coa nosa provincia e a súa vinculación ao sector agrogandeiro, Candia subliñou “as ganas e a ilusión por seguir traballando en beneficio de tódolos lucenses tanto nos 67 Concellos coma na Deputación Provincial”. Así, tras dar a coñecer no mes de novembro os nomes dos candidatos do PP ás alcaldías dalgún municipio, “continuaremos a formar equipos de persoas comprometidas para ofrecer aos veciños e veciñas a mellor proposta para que nos representen nas administracións locais a partir de maio do vindeiro ano 2019”.
A presidenta do Partido Popular e voceira do Grupo Provincial do PP trasladou, por outra banda, ao máis de medio cento de asistentes as accións que o seu Grupo está adesenvolver na Deputación Provincial “exercendo a súa responsabilidade como representantes dos lucenses na institución provincial”. De feito, “o noso Grupo fixo posible a posta en marcha de plans dos que se benefician os 67 Concellos como é o caso do Plan Único, o plan de estradas ou o Plan de Reequilibrio que puxemos en marcha cando gobernamos”, expuxo Elena Candia.
Igualmente, “os populares somos imprescindibles para a aprobación das contas da Deputación Provincial do vindeiro ano 2019” porque “o PP segue a ser o Grupo con maior representación na Deputación de Lugo, 12 deputados fronte aos 10 do PSOE”, recordou Candia. Nese sentido, os populares urxíronlle ao presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, a presentar unha proposta de Orzamentos de cara a iniciar as negociacións cos grupos que forman parte da Corporación porque “se atopa nun Goberno en minoría que precisa do apoio doutros Grupos para poder sacar adiante unhas contas de cara ao ano próximo”.