O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, acompañado polo portavoz municipal de Palas de Rei, Horacio Rouco, e o Coordinador do PSOE na Comarca do Suroeste lugués, Rafael García, visitaron hoxe a parroquia do Carballal da Repostería, no Concello de Palas de Rei, para coñecer in situ o treito do Camiño de Santiago que cruza a N-547 dirección Santiago.
Trátase dunha zona moi perigosa pois conta con pouca visibilidade, poñendo en risco a integridade dos peregrinos e dos condutores, así como a dos propios veciños da zona. Ao ser un treito moi transitado, nos últimos anos teñen acontecido varios accidentes mortais. Por estes motivos, os socialistas trasladan ao Goberno do Estado que estude a posibilidade de dotar a este tramo do Camiño de Santiago dun paso subterráneo, pois existe unha necesidade real, e deste xeito facer máis segura esta etapa da ruta xacobea que forma parte do Camiño Francés.