Durante a pasada noite e madrugada, producíronse incidencias provocadas pola acumulación de neve, caída de árbores e en menor medida xeo en varios puntos da rede viaria principal e secundaria da provincia de Lugo.
Con diferencia, Lugo foi a provincia máis afectada co maior número de intervencións debido ás dificultades que se atoparon moitos condutores para continuar ruta en diversos puntos das seguintes estradas: A-6 ao paso polo Corgo, onde quedaron parados varios camións e Pedrafita do Cebreiro en ambos os dous sentidos da circulación. De feito, nestes puntos, segundo informa a Garda Civil de Tráfico mantense o nivel amarelo pola aparición de nevadas. Tamén chegou a activarse o nivel vermello na LU-636 (Sarria-Becerrea) do km 21 ao 30 e na LU-633 (Pedrafita do Cebreiro-Alto do Hospital) del km 0 ao 21.
Igualmente, houbo problemas na LU-530 en A Baqueriza, no tramo Lugo-A Fonsagrada e no Cerredo; na LU-701 no Acevo, no límite da Fonsagrada con Asturias, Barbeitos; na LU- 721 entre Baralla e o Cádavo; na LU-730 na Fonsagrada; na LU-740, na LU-750 e LU-751, en Meira e Alto do Couso respectivamente. Neste puntos estivo traballando persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta.