A edil do BNG no concello de Lugo, Maite Ferreiro, animou aá veciñanza a utilizar os mecanismo cos que conta a propia Xunta de Galicia para denunciar a instalación de publicidade sexista. “Sabemos que este non é o único medio, nin tampouco o máis eficaz, pero debemos de utilizalo para que quede constancia das denuncias e o goberno galego tome en serio a loita contra a publicidade sexista” dixo Ferreiro.
Maite Ferreiro sinalou que na web da Xunta, no apartado da Secretaria Xeral de Igualdade, existe un formulario de denuncia de publicidade sexista no que se pode trasladar á Xunta a existencia e publicidade deste tipo. Militantes e simpatizantes do BNG puxeron como exemplo cartaces dun local de alterne que apareceron pegados na rúa San Roque dos que rexistraron denuncias ante a Secretaria Xeral de Igualdade.
A edil do BNG lembrou “levamos moito tempo reclamando unha ordenanza de publicidade no concello de Lugo” e sinalou que “o concello de Lugo ten que regular a publicidade na rúa para evitar este tipo de propagandas machistas que non deben ter cabidad no século XXI”. Maite Ferreiro avanzou que “o BNG seguirá a traballar no ámbito feminista e loitando para que, en Lugo, se regule a publicidade e se elimine este tipo de anuncios que denigra a imaxe da muller”.