Fonmiñá pide atrasar a SICA ata mediados de outubro

O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá ven de dirixirlle aos representantes das institucións copatrocinadoras da Semana de Cine (Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo), unha carta sobre o futuro desta manifestación cinematográfica que ven de celebrar a súa XL edición.

Na misiva, a Asociación solicita a todas as institucións estudar a posibilidade de atrasar a vindeira Semana de Cine (SICA) ata a segunda quincena de outubro, para eles, o ideal, sería entre o 21 e o 26 de outubro, así terían tempo para rematar de pechar os filmes en setembro e así adaptarse mellor á “actualidade cinematográfica” pois, o período estival obriga ao Grupo fotocinematográfico a pechar a carteleira en xuño, dous meses antes da súa celebración.

Por outra banda, o grupo Fonmiñá está a estudar a posibilidade de se converter nunha Fundación, que “agardamos poida ser declarada de Interese Galego, e na que invitaremos a estar representadas as Institucións oficiais patrocinadoras para someter calquera decisión importante ao criterio das entidades que posibilitan que a Semana de Cine de Lugo sexa o Certame máis antigo de Galicia, e goce dun ben gañado prestixio”.

Con esta carta, a Asociación pon fin á Semana de Cine deste ano e comeza  os preparativos da que vén, non sen esquecerse de agradecer a todos o que o fan posible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com