O Grupo Municipal Popular anunciou que esixirá de novo á rexedora que leve ao pleno a reforma do Regulamento Interno de Persoal, para abordar a equiparación das condicións de todos os traballadores no que atinxe ao número máximo de horas extraordinarias que poden realizar como no valor da hora extraordinaria. Así o anunciou o seu voceiro, Antonio Ameijide tras reunirse cos representantes sindicais de todos os traballadores do Concello de Lugo na procura dunha solución de consenso para os problemas de persoal, que son moitos, que nas últimas semanas se fixeron máis notorios, se cabe, no ámbito municipal.
Asemade, os populares avanzaron que pedirán catro informes xurídicos sobre as diferentes opcións para poder pagar as horas extraordinarias autorizadas, ordenadas ou decretadas polo equipo de goberno incumprindo o Regulamento Interno de Persoal e outras normativas de aplicación. Estes informes serán solicitados polos populares a catro departamentos municipais, á Secretaría do Pleno, á Vicesecretaría Municipal, a Asesoría Xurídica e a Intervención.
Outra das demandas que Ameijide desprendeu da súa xuntanza cos representantes dos traballadores é implantar “de xeito inmediato” o control horario en todas as instalacións municipais. Para iso, o Grupo Popular levará a pleno unha iniciativa, consensuada cos representantes dos traballadores, que “agardamos” teña o respaldo de todos os grupos xa que “é unha demanda dos propios traballadores”.
Antonio Ameijide asegurou que se tratou dunha xuntanza de traballo “moi satisfactoria” na que quedou patente “a desfeita” que os gobernos socialistas provocaron na organización do persoal municipal durante os últimos 19 anos. O voceiro popular constatou o malestar existente entre os traballadores ante o impago das horas extraordinarias. “O traballo feito e ordenado hai que pagalo integramente”, medida defendida desde o Partido Popular, polo que se insta ao goberno local a explorar todas as vías legais para pagalas e, se non pode ser, que as pague do seu propio peto quen ordenou realizar esas horas extraordinarias.
Antonio Ameijide fala incluso de “mala fe” xa que se ordenan facer horas extraordinarias a pesar de que o goberno local sabía que non as podía pagar. Incluso, hai casos, como sucedeu cos axentes da Policía Local, aos que Lara Méndez ordenou realizar, mediante decreto, horas extra que non lles podía pagar.