O Pleno da Deputación aprobou este martes, co non do PP, a proposta do Goberno para mellorar a atención a mulleres con endometriose e a divulgación da doenza para o seu correcto e temperán diagnóstico e tratamento. A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izqiuerdo, explicou que “a endometriose é unha terrible enfermidade crónica, hoxe en día descoñécense as causas que a provocan, a dimensión real da súa incidencia e os tratamentos mais adecuados. E todo por culpa dunha terrible ausencia de recursos e de consideración de xénero mantendo crédito en afirmacións tan terribles como que a regra doe, e polo tanto hai que aguantar. Polo tanto, a nosa obriga é cambiar ese paradigma”.
A Deputada de Benestar subliñou que “se trata dunha enfermidade que afecta a mais do 10% da poboación feminina. Unha ou dúas de cada 10 mulleres que coñezan, padecen endometriose sen sabelo. Cerca de 2 millóns de mulleres en España, 60.000 mulleres en Galicia, das cales 9.000 poden estar en situación grave. Isto é unha estimación, porque o principal problema é a falta de diagnose”.
Neste senso, “dende o Goberno da Deputación, o primeiro que pedimos é formación para os nosos profesionais, que non pasen de largo cando vexan os síntomas. Despois, consultas específicas de profesionais que entendan da materia e poidan tomar decisións axeitadas, como, por exemplo, derivar ás consultas multidisciplinares que hai funcionando en España, en Barcelona ou en Madrid. E por suposto ir creando unha propia unidade multidisciplinar en Galicia, que xa hai casos dabondo para xustificala”, subliñou.