O PP ve “bochornoso” que os socialistas tardasen 7 anos en crear outra “lameira” no Hula

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ángel Trabada, critica as características do aparcadoiro creado polo goberno municipal  diante do Hula, unha zona que “habilitaron” para estacionar vehículos pero que, despois do primeiro día de funcionamento, quedou patente que “case non serve nin para deixar maquinaria agrícola”.

Ángel Trabada asegura que nos sete anos que os socialista levan falando desta dotación tiveron tempo máis que suficiente para poder idear unha infraestrutura que realmente sirva aos cidadáns, cunhas condicións mínimas, como poden ser un firme de calidade, delimitación de prazas de aparcamento ou sinalización.

Para o concelleiro popular, estamos ante un novo exemplo do xeito de gobernar da alcaldesa. “Inaugura por todo o alto” unha infraestrutura que “é unha chapuza”. “Nótase que ten unha clara intención de render contas xa que se lle acaba o mandato e no horizonte ve as eleccións”, afirmou Trabada, ao que engadiu que “organizou ás presas unha inauguración dunha dotación que non o merece só por sacar a foto”.

Nos sete anos que os socialistas levan falando desta dotación, e en opinión dos populares, tiveron tempo suficiente para comprobar como a iniciativa privada da unhas condicións mínimas aos lucenses, xa que nos arredores hai outros aparcadoiros privados que funcionan correctamente e non viven o caos do leiraparking. Ademais, Trabada pon outro exemplo de como se acometen os traballos con corrección. Nas últimas semanas do Partido Popular no Goberno Central se levou adiante o aparcadoiro da estación de tren, unha dotación que se ve que ten un firme de calidade, prazas delimitadas e  sinalización.

Ángel Trabada di que o goberno puido dar un firme con calidade mínima xa que, segundo se recolle na memoria urbanística, trátase dunha zona na que “é viable a implantación da actividade de aparcamento na parcela”, polo que “é de recibo” dar unha condicións mínimas.

Ademais, segundo os populares, os socialistas semella que unicamente se preocupan por dar “novos espazos de traballo” aos gorrillas, xa que desde o primeiro día se puido ver a estas persoas esixindo cartos aos lucenses por aparcar nesta zona pública.

Á vista da intervención realizada nesta zona, os populares lamentan o “desperdicio” de 119.000€ realizado polos socialistas, xa que seguro que “custou máis a pedra posta para anunciar o aparcadoiro que os traballos realizados na zona”. Ademais, os populares preguntarán a que se destinaron os 6.000€ que no proxecto se indican para sinalización, á vista de que esta dotación carece “totalmente de calquer tipo de sinal”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com