A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou hoxe os novos obradoiros que preparou o Goberno de Lugo coa finalidade de facilitar formación á veciñanza na busca dun posto de traballo. Trátase dunha nova iniciativa, que organiza o Concello a través de Europe Direct-Lugo, o Centro de información europea do Concello, que se celebrará do 20 ao 23 de novembro no Espazo Lab, enmarcada dentro da Semana Europea de Emprego.
Ana Prieto lembrou que a día de hoxe, o Concello ten proxectos en marcha de máis de 2 millóns de euros e preto de 300 persoas beneficiarias, entre o plan Empregalia, Inicia Coworking, o viveiro de empresas a pé de rúa na Tinería, os obradorios Fórum 4.0 e InteracTICvate ou o Mellora Lugo 2018.
O prazo de inscrición para estes obradoiros está aberto dende o luns, 5 de novembro e ata o 15 de novembro. Para anotarse é preciso enviar cuberta unha ficha de inscrición (que se pode descargar na web do Concello, www.lugo.gal), a EspazoDirect- Lugo@concellodelugo.org, ou entregala nas propopias instalacións do Espazo Lab. Realizaranse dous obradoiros simultaneamente coa mesma temática pero adaptándoas ao nivel de formación das persoas solicitantes: un para alumnado da UNED, de aí a asistencia á rolda de prensa da directora da UNED en Lugo, Ana Traseira; persoas con titulación media e superior; e outro para outras persoas interesadas.